Pascuala Campos de Michelena, galardoada polo Colexio de Arquitectos de Galicia
Pascuala Campos de Michelena, galardoada pola súa traxectoria profesional
Este lavadoiro da vila de Combarro é un dos seus proxectos. Tamén deixou pegada da súa arquitectura en lugares como a Illa de Arousa.
É unha pequena mostra da ampla obra de Pascuala Campos de Michelena, galardoada co vixésimo Premio á Traxectoria Profesional que concede o Colexio de Arquitectos de Galicia. Xienense de nacemento, Pascuala Campos, de 85 anos, está moi ligada á provincia de Pontevedra.
"Galicia marca moito e Galicia márcanos a todos os que vimos de fóra"
Ten unha obra moi recoñecible e que soubo integrar á perfección na cultura arquitectónica de Galicia.
"Galicia marca moito e Galicia márcanos a todos os que vimos de fóra e ao final o que intentas facer é unha arquitectura que estea implantada no lugar e ela soubo facelo moi ben", afirma a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Pero entre os seus méritos está tamén o de ser a primeira catedrática de Proxectos de España na Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Aquí deixou a súa impronta e ensinoulles aos seus alumnos que había outra arquitectura e ademais feminista.
"Deixou impronta nos seus alumnos. Os seus alumnos aínda lembran as súas clases e algúns deles son firmes defensores dalgúns dos seus posicionamentos canto ao urbanismo grazas ás ideas que lles transmitiu, que nos transmitiu a todos", conta a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Pascuala Campos recibirá o premio o próximo 18 de marzo nunha homenaxe que se via celebrar na fábrica de Sargadelos de Cervo.