Publicador de contidos

Publicador de contidos

A cifra de vítimas mortais nos terremotos de Turquía e Siria sobe de 45.000

A cifra de vítimas mortais nos terremotos de Turquía e Siria sobe de 45.000

A ONG Intervención, Axuda e Emerxencias recada axuda para as persoas damnificadas

Foi das primeiras en ir axudar sobre o terreo e rescatou vivas tres vítimas atrapadas

G24.gal 18/02/2023 13:47 Última actualización 18/02/2023 14:00

A ONG Intervención, Axuda e Emerxencias foi dos primeiros grupos internacionais en chegar ao terreo. Marcharon para Turquía o mesmo día dos terremotos. O seu delegado en Galicia, Miguel Montero, explica que atoparon desolación e caos.

"A xente estaba nas beirarrúas con noites de menos seis graos facendo lumes para durmir directamente no chan. Desorganización tamén nas tarefas de rescate. Estaban superados pola catástrofe".

A expedición, que ía con cans e preparada para ser totalmente autónoma, sentiu frustración ao ver as dimensións do ocorrido. 

"Porque non sabes se vas poder axudar nin canto e, desde logo, o que fagas é pouco".

Con todo, no primeiro día xa sacaron vivo de entre os cascallos un mozo de 26 anos e dous días despois, tras horas de desentullo, un pai e unha filla.

"Unha felicidade tremenda poder sacar esas persoas, ver o rostro cando por fin fas ese oco e saca unha man ou a cara".

Xa de volta, a ONG trata agora de xuntar axuda para enviar aló.

"Tendas de campaña, sacos de durmir, cociñas de gas, xeradores eléctricos, calefactores. Iso é que o fai máis falta agora e tamén, moito material sanitario".

Quen queira axudar pode mercar o material e levalo a Madrid para cando saia o envío ou facer un ingreso á ONG para que ela se encargue.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade