Abre o prazo para solicitar axudas para protexer o gando dos ataques do lobo
Están destinadas á contratación de persoas coidadoras do gando e á instalación de valos fixos
As solicitudes pódense presentar durante un mes

Os gandeiros galegos poderán solicitar desde este mércores axudas autonómicas para distintas actuacións coas que protexer os seus rabaños de danos causados por ataques de lobos.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o martes dúas convocatorias de axudas que suman un orzamento de máis de 900.000 euros, unha delas centrada na contratación de persoas coidadoras do gando extensivo e outra para a adquisición e instalación de valos fixos.
Nun comunicado, a Xunta de Galicia explicou que estas axudas para persoas coidadoras están dirixidas a explotacións de gando bovino, ovino, caprino e equino incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia e contan cun orzamento de algo máis de 400.000 euros. A contía pode alcanzar o 100 % dos gastos subvencionables, cun importe máximo de 18.000 euros por beneficiario.
En cando ás axudas para valados, o orzamento é de 500.000 euros e neste caso os posibles beneficiarios son titulares de explotacións bovinas, ovinas, caprinas, porcinas e raza Celta e equinas cun importe máximo de 5.500 euros por valado en función da súa tipoloxía.
O prazo para presentar as solicitudes é dun mes.