Absolven a Errejón da acusación de agredir un home en Madrid
O xuíz entende que non se pode probar que lle dese unha patada a un veciño da capital española que o denunciou

O Xulgado de Instrución número 16 de Madrid absolveu o líder de Más País, Íñigo Errejón, do delito leve de lesións do que o acusaban por darlle supostamente unha patada a un home que o denunciou.
O maxistrado absólveo ao concluír que tras a proba practicada no xuízo non quedou "acreditado que o denunciado lle propinase unha patada ao denunciante" na noite do 2 de maio de 2021, tras o peche de campaña para as eleccións autonómicas de Madrid.
Ante as versións contrapostas do denunciante e do acusado, o xuíz expón que as declaracións das testemuñas achegadas por un e outro "son claramente contraditorias" e as imaxes captadas polas cámaras de vídeo da zona "non botan luz sobre o ocorrido, pese ao intento de mellora das imaxes".