Publicador de contidos

Publicador de contidos

Accidente de tráfico mortal en Melide

Accidente de tráfico mortal en Melide

Faleceu un sesaxenario residente en Arzúa

O outro condutor implicado quedou ferido

G24.gal 27/12/2023 14:29

Así quedaron os dous vehículos implicados no accidente mortal acontecido no lugar de Barreiro, no concello coruñés de Melide. O sinistro tivo lugar neste punto da estrada Nacional 547, unha zona en que hai varias vivendas, e foron testemuñas do suceso as que rapidamente alertaron os servizos de emerxencias. Un dos condutores era un sesaxenario que faleceu no acto. O outro, un mozo que tivo que ser liberado, pero que estivo consciente en todo momento.

"Interviñemos no segundo vehículo, onde había unha persoa atrapada e procedemos á súa liberación coa axuda do GES de Curtis. Liberámola e trasladámola a ambulancia do 061", relata Cristina Sobrado, do GES de Monterroso.

A Garda Civil de Tráfico investiga agora o sinistro. Ao parecer os dous turismos colidiron frontalmente nesta recta e na estrada non hai tampouco marcas de freada.

"Dicían que de fronte... e nesa recta. Isto tivo que ser un descoido ou moita velocidade ou que sei eu", sinala unha veciña.

Debido á aparatosidade do sinistro formáronse na zona, moi próxima ao centro de Melide, importantes retencións.

"Vin por aí os coches todos en ringleira que non daban pasado, tiveron que dar volta cara a Melide outra vez", explica un veciño.

O sinistro causou unha grande conmoción na zona, dado que tanto a vítima mortal como o condutor ferido eran moi coñecidos e ambos residían en parroquias próximas ao lugar do accidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade