Deteñen un home acusado de acoitelar un cliente nun local de ocio de Lugo
Foi a vítima a que acudiu denunciar os feitos despois de pasar días no hospital
Os veciños din que son habituais os altercados ás portas deste establecemento situado na rolda da Muralla
En Lugo a Policía Nacional detivo o autor dun delito de lesións graves. Foi a propia vítima a que presentou denuncia días despois de saír do hospital.
Grazas á colaboración das testemuñas foi posible deter o presunto agresor e mesmo recuperar a arma utilizada.
Aconteceu de madrugada no interior deste establecemento de ocio nocturno situado xunto á rolda da Muralla.
Ao parecer dous clientes discutiron no interior do local e un acabou atacando a outro e causándolle diversas feridas.
"A vítima tivo que ser tratada no hospital e estivo un par de días ingresada polas lesións que presentaba nunha man. Foi el quen se presentou por poñer a denuncia e achegou datos moi importantes para a investigación".
A denuncia e os datos achegados pola vítima xunto coa declaración das testemuñas foi clave para identificar, localizar e deter o presunto agresor, pero ademais conseguiron tamén recuperar a arma utilizada na agresión despois de que o autor fuxira.
Na zona os veciños están fartos dos altercados que se xeran ás portas do local, do ruído e da sucidade que queda tras as noites de festa, pero moitos rexeitan manifestarse por medo. Lamentan que tras varias ordes de peches o local volva estar en funcionamento.
O presunto agresor é un home, veciño de Lugo, que foi detido por un delito de lesións graves e foi posto a disposición xudicial.