As plataformas do parque eólico mariño da Bretaña francesa son galegas
Tres cuartas partes da enerxía final consumida na UE provén do petróleo, do gas natural e do carbón
O proxecto dá continuidade ao emprego nas instalacións de Navantia e Windar en Fene e Avilés
Hai tres meses as plataformas que ían soportar os muíños de vento do parque eólico francés de Iberdrola comezaban a súa viaxe cara á enseada atlántica de Saint-Brieuc. Hoxe, unha parte desas estruturas feitas en Fene por Navantia están xa instaladas no mar.
En algo máis dun ano o vento fará xirar as pas dos muíños convertendo a enerxía cinética en eléctrica. Tamén no mar, o corazón do proxecto, a subestación, que traduce a corrente a alta voltaxe.
A través de cabos submarinos e outros subterráneos, a electricidade chegará á subestación de Doberie en Hénansal e de aí ás casas. O parque eólico de Saint-Brieuc dará luz ao 9 % da Bretaña francesa.
"Estes proxectos son moi complexos tecnicamente pero tamén persoalmente. O feito de ver, finalmente, o que un cre, que é a protección do medio ambiente, que isto chega a ser un proxecto real, e velo ante os teus ollos nesta magnitude, a verdade, emociona", conta Rafael Vara, director do proxecto Saint-Brieuc de Iberdrola.
Haberá 62 muíños de vento e cada un descansará nunha estrutura metálica, os jackets que Iberdrola contratou a Navantia. Desde Fene continúan traballando nestas pezas xigantes mentres 24 das que xa fixeron e enviaron repousan sobre o Atlántico.
"A colaboración entre Iberdrola e o consorcio Navantia-Windar comezou xa hai anos co primeiro proxecto desenvolvido por Iberdrola, que foi o proxecto de Wikinger, en Alemaña. A partir de aí mantivemos unha relación moi fluída entre ambas as dúas empresas e para este proxecto en concreto Navantia-Windar fabricou, e está en proceso de fabricación, todas as nosas cimentacións", engade Rafael Vara, o director do proxecto Saint-Brieuc de Iberdrola.
"Un tipo de cimentacións que ten moi pouco impacto sobre o medio ambiente porque podemos dicir que é transparente, porque a auga pode circular, tamén os peixes. Toda a fauna mariña pode circular entre esta cimentación", explica o director da Eólica Mariña de Iberdrola en Francia, Emmanuelle Rollin.
O primeiro proxecto de grande escala no sector eólico mariño en Bretaña é para Iberdrola a cuarta instalación deste tipo. Hoxe tres cuartas partes da enerxía final que consome a Unión Europea veñen do petróleo, do gas natural e do carbón.