Atopan o cadáver dun dos cinco desaparecidos nas riadas na localidade albaceteña de Letur
Trátase dunha muller septuaxenaria, que estaba na súa casa cando desapareceu
Coa localización deste corpo, a uns 12 quilómetros de Letur, son tres os falecidos como consecuendia da DINA en Castela-A Mancha

Os servizos de emerxencia rescataron o corpo sen vida dunha das cinco persoas que continuaban desaparecidas en Letur, en Albacete, tras a riada do martes, o que eleva a tres o número de vítimas mortais en Castela-A Mancha como consecuencia da DINA.
Trataríase de Antonia, unha veciña septuaxenaria de Letur, e que no momento da riada estaba na casa.
A localización do cadáver foi posible polo traballo dos Bombeiros, de axentes do Seprona e de cans adestrados cos seus guías que avisaron da presenza do corpo. Estaba a uns 12 quilómetros do lugar da desaparición, xa que a muller falecida estaba no interior da súa vivenda en Letur cando a sorpendeu a riada
Confirmouno en redes sociais a delegada do Goberno de España na comunidade, Milagros Tolón, quen trasladou a súa solidariedade á familia, amigos e veciños. "Non paremos ata atopar ás outras catro", engadiu Tolón.
Este achado eleva a tres o número de vítimas mortais en Castela-A Mancha como consecuencia da dana: dúas mulleres en Letur e unha en Mira, en Cuenca.
Agora máis de 200 efectivos seguen a traballar nos labores de limpeza do concello e de busca dos outros catro desaparecidos: unha muller, un home e dous operarios municipais.
