Aumentan os accidentes con xabarís nas estradas
Cada día hai unha media de 14 accidentes de tráfico con animais implicados, 10 con xabarís
Os animais son xa a principal causa de accidentes en provincias como Ourense
Cada día hai en Galicia unha media de quince accidentes de tráfico con animais implicados, pero o é o xabaril o que máis preocupa, porque é o único que ten aumentado a sinistralidade, un 5 % máis no último ano.
"Eu creo que estamos falando xa dunha praga. En Ourense, o 60 % dos sinistros en estrada son provocados por animais, xabarís sobre todo", di David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico en Ourense.
O problema afecta todo tipo de estradas, pero é nas autovías e autoestradas onde resultan máis perigosos, como acaba de ocorrer na AP-9, onde seis turismos chocaron en cadea por un xabaril. O que nos recomendan desde Tráfico é evitar os golpes de volante.
"Intentar evitar a colisión ou abalanzarse contra o animal, porque ten menos risco que unha manobra evasiva que pode significar invadir o sentido contrario, precipitarnos, colidir cun poste da luz...", explica o responsable de Tráfico na provincia de Ourense.
Tamén hai que dar sempre parte do accidente, para logo poder reclamarlle á aseguradora.
"Se marchas para casa porque os danos non son moitos, despois o perito do seguro non pode certificar que o dano fose contra un animal", recorda Daniel Rey, Protección Civil de Barbadás.
En Galicia rexistráronse o ano pasado máis de cinco mil sinistros con animais. O número total descendeu un 12 %, pero aumentaron os causados por xabarís.