Buscan con cans e drons unha muller de 76 anos desaparecida en Toén
A muller, que padece demencia, falta da casa desde este domingo
Un amplo dispositivo busca unha muller de 76 anos, chamada Dolores, desaparecida desde o pasado domingo no municipio ourensán de Toén.
Segundo informa Protección Civil de Barbadás, as tarefas de busca céntranse entre a zona Moreiras (Toén), lugar do que desapareceu, e Santo Benito de Cova de Lobo (Barbadás).
A muller, que padece demencia, ten pelo negro e coleta. Non hai rexistro da vestimenta que levaba durante a súa desaparición. Piden avisar ao 112 en caso de ter información.
O servizo autonómico de emerxencias trasladaba na tarde deste luns que a unidade de drons do grupo de apoio loxístico e intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) incorporouse ao operativo de procura.
Ademais, o operativo, coordinado pola Garda Civil, traballa desde as primeiras horas deste luns coa intervención dos cans e da Unidade Pegaso da Garda Civil, incorporándose efectivos de Protección Civil de Barbadás e os drons da Axega desde esta tarde, alén de familiares e veciños da desaparecida.