Cae unha rede que introducía haxix polo Estreito con motos de auga
Hai 20 detidos coa aprehensión de catro toneladas de haxix e 122 gramos de cocaína
Axentes da Garda Civil desmantelaron unha organización criminal dedicada ao tráfico de haxix mediante embarcacións recreativas e motos acuáticas. A operación permitiu deter 20 persoas e incautarse de máis de catro toneladas de haxix, 122 gramos de cocaína, cinco embarcacións recreativas, catro motos acuáticas e cinco vehículos.
A investigación comezou en setembro de 2021 cando se detectou a presenza dunha rede que introducía haxix desde Marrocos. A maioría dos membros da banda vivían en Ceuta e contaban coa colaboración de residentes en Alxeciras. Todos eles mantiñan un nivel de vida alto.
Utilizaban dous métodos para os alixos: o fondeo e mediante embarcacións recreativas. O primeiro consistía en que unha embarcación procedente de Marrocos cos estupefacientes, guindaba a carga nunhas coordenadas estipuladas, unida a un peso e localizaban o lugar cunha boia. Logo outro barco da organización ía ata o lugar para rescatar a droga.
O outro método era utilizar embarcacións recreativas, que, baixo a aparencia de legalidade, navegan entre os peiraos deportivos de Ceuta e do Campo de Xibraltar.
Unhas veces alixaban a droga na praia directamente e outras realizaban transbordos a motos acuáticas. Eludían o control policial mesturándose con outras moitas da zona cando regresaban a porto.
Os motores destas lanchas teñen motores potentes de 150 ata 300 cabalos e con pouca eslora, son potentes dabondo para transportar unha cantidade considerable de droga. As motos acuáticas dificultan o seu seguimento pola súa facilidade para manobrar na auga.
En total investigáronse 51 persoas e realizáronse 11 rexistros en domicilios e propiedades en Alxeciras e Os Barrios, en Cádiz, e en Ceuta, onde se interveu material informático e de telefonía móbil.