Cinco detidos nunha operación antidroga no barrio coruñés de Labañou
Os axentes desartellaron un punto de venda da droga ao por menor
Rexistraron cinco vivendas na rúa do Hostal e a súa contorna
Eran as cinco e media da madrugada cando os axentes da Policía Nacional comezaban co rexistro de cinco vivendas do barrio de Labañou. Catro horas despois, a operación pechábase con cinco detidos e o desartellamento dun punto de venda de droga polo miúdo. Segundo transcendeu, na operación interviñéronse diversas doses de estupefacientes preparadas para a venda e consumo, e tamén cartos en efectivo.
A diferenza doutros barrios da cidade, en que se teñen denunciado conflitos derivados da droga, os veciños de Labañou aseguran que o ambiente é tranquilo.
"Imaxino que hai pequenos puntos de venda, como noutros barrios, pero creo que a xente leva moitos anos convivindo cos vendedores. Son vendas a pequena escala, non xeran problema na rúa, que eu saiba".
"Nada, eu vivo na torre, somos 32 pisos de veciños e nunca notamos balbordo nin nada", din dúas veciñas da zona.
Arestora os cinco detidos na operación prestan declaración ante os axentes da Policía Xudicial da Coruña. Está previsto que pasen a disposición xudicial ao longo do día de mañá.