Corea do Norte proba mísiles de cruceiro e ameaza os EUA con "duras respostas"
Critica os EUA e a Corea do Sur polas súas recentes manobras conxuntas, e ameaza ambos os dous países con "duras" represalias

Corea do Norte anunciou este domingo un test con mísiles estratéxicos de cruceiro, a súa primeira proba armamentística desde o regreso de Donald Trump á Casa Branca, e ameazou os Estados Unidos "coas respostas máis duras" se non acepta a súa soberanía.
Baixo a supervisión do líder norcoreano, Kim Jong-un, Pionyang probou proxectís guiados de cruceiro para "aumentar a efectividade de medidas estratéxicas contra potenciais inimigos" e de acordo coa "contorna cambiante de seguridade", segundo informou a axencia estatal KCNA.
O mesmo medio recolleu un comunicado do Ministerio de Exteriores norcoreano que critica os EUA e a Corea do Sur polas súas recentes manobras conxuntas, e ameaza ambos os dous países con "duras" represalias.
Pionyang expresou así o seu descontento polas "preocupantes provocacións" que supuxeron as manobras aéreas combinadas levadas a cabo a semana pasada por Seúl, Tokyo e Washington, nas que participou un bombardeiro estratéxico B-1B do Pentágono.
"A realidade demostra que a DPRK (siglas da República Popular Democrática de Corea, nome oficial do país) debe responder aos Estados Unidos coas respostas máis duras do A ao Z mentres siga sen aceptar a súa soberanía e os seus intereses de seguridade, e que esta é a mellor opción para lidar cos Estados Unidos", sinala o comunicado do ministerio norcoreano.
Pionyang tamén responsabilizou os Estados Unidos da "cada vez máis perigosa contorna de seguridade" tanto na península coreana coma na rexión, pola súa vontade de "aumentar o seu poder a través dunha incesante expansión militar".
O líder norcoreano dixo, en declaracións recollidas pola KCNA, que Pionyang "sempre fará esforzos incansables de forma responsable" con vistas a "defender unha paz sostible e duradeira" a través "dun músculo militar máis poderoso e desenvolvido".
Os proxectís de cruceiro probados polo Norte alcanzaron os seus obxectivos tras percorreren traxectorias elípticas duns 1.500 quilómetros, segundo a información de Pionyang, que engadiu que o test "non supuxo ningún impacto na seguridade dos países veciños".
Corea do Sur confirma o test
O Exército surcoreano confirmou este domingo o test realizado polo país veciño, indicando que detectou "múltiples lanzamentos de mísiles cruceiro" desde o interior de Corea do Norte cara ao Mar Amarelo ao redor das 16:00 hora local.
O test norcoreano e a súa mensaxe a Washington chegan despois de que o día 23 o presidente estadounidense Donald Trump afirmara estar disposto a reunirse no futuro con Kim Jong-un, de quen dixo que é "un tipo intelixente".
Nunha entrevista concedida a Fox News tres días despois da súa investidura, Trump agregou que nalgún momento vai poñerse en contacto co líder norcoreano, con quen o republicano levou a cabo negociacións infrutuosas de desnuclearización no seu primeiro mandato.