Desaloxan varios edificios de Santiago pola aparición dun proxectil nunha casa durante a extinción dun incendio
Desaloxan varios edificios de Santiago pola aparición dun proxectil nunha casa durante a extinción dun incendio
O lume declarouse nunha vivenda da rúa Agra da Garrida, e non hai que lamentar feridos
Os bombeiros tiveron que intervir tamén noutro incendio declarado nunha vivenda da rúa do Preguntoiro
Os Bombeiros de Santiago de Compostela tiveron unha noite axitada, con intervencións en dous incendios declarados na cidade. En ningún deles hai que lamentar feridos, pero si danos materiais.
Un deles tivo lugar nunha vivenda de tres andares situada na rúa Agra da Garrida. Un particular chamou ao 112 Galicia pouco antes das 5 horas e explicou que estaba ardendo a casa do seu veciño, quen se atopaba xa no exterior no momento da chamada.
Os Bombeiros de Santiago chegaron rapidamente e controlaron as lapas, que finalmente calcinaron o piso superior practicamente por completo. No operativo tamén participaron os axentes da Policía Nacional e Local.
Os veciños de varias casas foron desaloxados, ao parecer pola alerta que provocou o achado por parte dos bombeiros dun obxecto aínda por determinar (algunhas fontes falan de que podería tratarse dun proxectil) no interior da vivenda afectada.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e da Nacional, que acordoaron a zona
Outro na rúa do Preguntoiro
O segundo incendio produciuse no segundo andar dunha vivenda da rúa do Preguntoiro. Neste caso calcinou unha habitación.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos dez minutos antes das 23 horas do sábado, a través dun particular: as persoas que se atopaban no interior do piso afectado, unha muller e dous nenos, acababan de conseguir saír á rúa.
Os bombeiros municipais traballaron no punto para apagar as lapas e, a continuación, ventilaron as estancias do domicilio.
Ao punto acudiron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de modo preventivo, os Bombeiros de Santiago e a Policía Nacional e Local.