Desartellada unha rede que cortaba árbores en leiras alleas falsificando os permisos
Hai catro homes detidos veciños da Rúa, Riós, Petín e Portugal

En Ourense, a Garda Civil da Rúa desartella un grupo criminal dedicado a delitos contra o patrimonio, tras talar árbores en leiras alleas, falsificando declaracións de propietarios para obter permisos de tala na Consellería do Medio Rural.
A investigación iniciouse no ano 2022, despois de que a Garda Civil tivese coñecemento da existencia de varias denuncias pola tala de árbores sen autorización dos propietarios.
O modus operandi que seguían os integrantes desta banda era sempre o mesmo: "A localización da leira, a falsificación das declaracións responsables de poda da Xunta e a tala e subtracción das árbores para trasladalas a un aserradoiro na Rúa que era o encargado de introducir a madeira no mercado".
No marco da investigación, foron detidos catro homes, con idades comprendidas entre 43 e 65 anos, veciños da Rúa, Riós, Petín e Portugal.
A Garda Civil impútalles 29 delitos de furto e outros 17 de falsificación de documento público, un delito de receptación e outro de pertenza a grupo criminal, ademais de tomar declaración en calidade de investigado ao dono do aserradoiro pola tala dunha gran cantidade de piñeiros e castiñeiros, procedentes de leiras de explotacións agrícolas.
O material subtraído ascende a 126.800 euros.