Deteñen o suposto autor de dous atracos en sucursais bancarias de Teo e Moaña
O arrestado, de 50 anos, veciño de Cambados e con antecedentes, foi posto a disposición xudicial e decretouse o seu ingreso en prisión

A Garda Civil detivo un home como suposto autor dos atracos a unha sucursal bancaria en Teo e outra en Moraña, que ingresou en prisión provisional.
A investigación, indica o Instituto Armado nunha nota de prensa, iniciouse por mor do atraco perpetrado na mañá do día 2 de agosto nunha entidade bancaria da parroquia de Calo, na localidade de Teo.
Esa xornada, o home -que levaba unha arma branca- conseguiu roubar aproximadamente 3.000 euros e logo fuxiu a pé do establecemento bancario.
Tras as actuacións e xestións correspondentes, logrouse coñecer a identidade do presunto autor e compróbase que este home xa fora identificado con anterioridade como presunto autor doutro atraco, o pasado maio, nunha sucursal bancaria na localidade de Moraña.
O home, de 50 anos, con domicilio en Cambados e antecedentes policiais, foi detido como suposto autor de dous delitos de roubo con violencia e intimidación.
Tras a detención procedeuse ao rexistro do seu domicilio, en que atoparon numerosas evidencias relacionadas cos atracos, segundo explican os investigadores.
O detido, xunto coas dilixencias e as probas localizadas, foi posto ao disposición xudicial, que decretou o seu ingreso en prisión provisional sen fianza.
