Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen un segundo home polo acoitelamento dun mozo en Cee na véspera de Reis

Deteñen un segundo home polo acoitelamento dun mozo en Cee na véspera de Reis

A vítima tivo que ser trasladada de urxencia ao Hospital Virxe da Xunqueira

Un dos presuntos autores, menor de idade, xa fora detido o 6 de xaneiro

G24.gal 15/01/2025 10:24

O Equipo ROCA da Garda Civil de Carballo, con base en Vimianzo, detivo dúas persoas como presuntos autores dun delito de homicidio en grao tentativa en Cee o pasado día 5 de xaneiro, tras unha agresión con arma branca a un mozo desa localidade, que tivo que ser trasladado de urxencia ao Hospital Virxe da Xunqueira.

No transcurso da mesma os compoñentes do Equipo ROCA constataron que un dos presuntos autores increpara á vítima no interior dun establecemento, continuando a discusión na rúa, que rematou co acoitelamento do rapaz. 

A incidencia alertou as patrullas do Posto de Corcubión que se atopaban participando no dispositivo de seguridade da Cabalgata dos Reis Magos e, xa no lugar, corroboraron a presenza do mozo agredido que estaba a ser atendido por un médico e unha enfermeira fóra de servizo.

Tras realizar as indagacións e xestións correspondentes, os compoñentes do mencionado Equipo procederon o día 6 de xaneiro á detención dun dos presuntos autores, menor de idade, como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa, poñéndoo á disposición da Fiscalía de Menores ao día seguinte.

Ante a sospeita de puidese haber máis persoas implicadas nesta agresión, os compoñentes do Equipo ROCA continuaron coa investigación, logrando como froito do traballo de campo realizado a identificación plena do presunto coautor da mesma.

A Garda Civil procedeu onte á detención desta persoa como presunto cómplice dun delito de homicidio en grao de tentativa, poñéndoo, xunto coas actuacións realizadas, ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Corcubión, decretando a Autoridade Xudicial o seu ingreso en Centro Penal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade