Devólvenlle os 520 euros que atopou na rúa porque non os reclamaron
Ás veces ser bo cidadán leva premio!
Que farían vostedes se atopan unha carteira con 500 euros e sen ningunha identificación? Unha veciña de Pontevedra non o dubidou e entregouna na policía. Agora, pasados dous anos sen que ninguén a reclamase, acaban de entregarlle os cartos que atopou.
Foi en 2019 cando María Elisa atopou a carteira na rúa. "Collina, vin que tiña un montón de billetes, pero ningún tipo de documentación nin tarxeta. O primeiro que me pasou pola cabeza foi entregala para que o dono a reclamase", explica.
Hai só uns días que a Policía Local de Pontevedra lle entregaba a carteira cos cartos. Ninguén a reclamara neste tempo e segundo conta soubo entón que hai un prazo legal de dous anos. Se nese tempo non a reclama ninguén, é propiedade de quen o atopou.
Di que nunca dubidou de que fixera o correcto ao entregar a carteira. Pensaba no propietario: "Podía ser de alguén que ía facer un pago. Creo que non é habitual levar tantos cartos na carteira e púxenme na súa pel e doía. Por un lado estou contenta porque é un agasallo pero por outro síntoo pola persoa que o perdeu".
Di que a súa decisión lle permitiu durmir tranquila. Xa sabe en que gastará agora os cartos: "Levo bastante tempo sen vacacións e vai axudar para que este verán poida ir cos meus fillos a relaxarme. Foi un agasallo e vouno gozar como tal...".