Doce mortos tras unha noite de protestas en Irán pola morte de Masha Amini
Cúmprense tres meses das protestas tras a morte de Amini tres días despois de ser detida por levar mal posto o veo islámico
"Muller, vida e liberdade" é o lema das manifestacións

Irán viviu unha violenta noite con mobilizacións ao longo do país. Dous ataques a tiros causaron polo menos doce mortos, cando as protestas pola morte de Masha Amini entran no seu terceiro mes.
As protestas que comezaron tras a morte o 16 de setembro de Amini, despois de ser detida tres días antes pola Policía da moral por levar mal posto o veo islámico, intensificáronse nos últimos días pola conmemoración das mobilizacións de 2019, en que morreron 300 persoas, segundo Amnistía Internacional.
“Muller, vida, liberdade”, o lema das protestas, escoitouse onte á noite en numerosas cidades do país, como Teherán, Gorgan, Sanandaj ou Isfahan, onde os manifestantes bailaron ao redor de fogueiras.
O caos das protestas foi “aproveitado por grupos terroristas” para cometer un ataque a tiros na cidade de Ize, no sur de Irán, segundo a axencia oficial IRNA. Alí, homes armados que viaxaban en motocicletas abriron fogo contra viandantes e policías no mercado central da cidade e mataron polo menos sete persoas e feriron quince.
Tres sospeitosos foron detidos pola súa suposta implicación no ataque, informou Ali Dehqani, director do Departamento de Xustiza de Khuzestán, onde está situada Ize, segundo a axencia Tasnim.
Noutro ataque, homes armados que se desprazaban en motocicletas dispararon contra forzas de seguridade na cidade de Isfahan, no centro do país, e mataron dous basij (milicianos islámicos) e feriron oito persoas máis. Ademais, tres persoas morreron na cidade de Semirom, na provincia de Isfahan, en circunstancias non explicadas polas autoridades.
As protestas intensificáronse desde o martes, tras un chamamento de activistas a conmemorar as mobilizacións de 2019 en que morreron 300 persoas, segundo Amnistía Internacional. En numerosas cidades do país están a producirse folgas, pero é difícil coñecer o seu alcance dadas as limitacións de Internet e a falta de información oficial.
As forzas de seguridade están a reprimir duramente as protestas, mentres que as autoridades censuran Internet e as comunicacións para tratar de paralas. Polo menos 326 persoas, entre elas 43 menores de idade, morreron na represión policial, segundo a ONG Iran Human Rights, con sede en Oslo.
Ademais, ata o de agora cinco persoas foron condenadas á morte pola súa participación nas mobilizacións, mentres que unhas 2.000 foron acusadas de diversos delitos por manifestarse, entre elas, a coruñesa Ana Baneira, detida desde polo menos o pasado día 9.