Dous incidentes bloquean a circulación na A-6 en Becerreá e no desvío provisional do Castro
Os equipos de mantemento buscan unha solución para permitir a circulación tras o desprendemento de Becerreá
Dous camións bateron e bloquearon o desvío habilitado para circular pola derruba dos viadutos do Castro
A Xunta reclama “un plan extraordinario” de conservación para a A-6
A autovía do Noroeste (A-6) permanece cortada á altura de Becerreá mentres se desenvolven as tarefas de limpeza a cargo dos servizos de mantemento. O corte, no quilómetro 450 da autovía, afecta os carrís en sentido A Coruña, e xa nas últimas horas obrigou a habilitar un desvío pola N-VI.
O desprendemento, ocorrido pouco antes das 18:00 horas deste xoves, non provocou danos persoais, pero un furgón foi arrastrado polas rocas e a terra que caeron do noiro.
Amais tamén permanece cortado ao tránsito o desvío provisional habilitado na A-6 polo derrubamento dos viadutos do Castro, no límite das provincias de Lugo e León, por mor da colisión entre dous camións.
O sinistro produciuse sobre as 00:40 horas, como consecuencia dunha colisión entre un vehículo articulado e un camión guindastre, xa na provincia de León.

Aínda que non houbo que lamentar danos persoais, os servizos de emerxencias continúan traballando no punto para retirar os vehículos accidentados.
Establecéronse desvíos alternativos para non interromper a circulación. A Garda Civil está a desviar aos coches que circulan en sentido A Coruña pola estrada Nacional VI, mentres que os que transitan en sentido Madrid son enviados polo antigo trazado desa mesma calzada.
Ethel Vázquez pide “un plan extraordinario” de conservación
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reclamou este venres por parte do Goberno de España a implantación dun “plan extraordinario de conservación” para a Autovía do Noroeste, en relación cos “graves e constantes” incidentes que acumula esta infraestrutura.
A conselleira recoñeceu que a situación desta autovía “preocupa enormemente” na Xunta de Galicia, porque os sucesivos incidentes na A-6 poñen de manifesto unha “falta de mantemento alarmante”.
“O firme está nun estado lamentable”, lembrou, hai dous viadutos derrubados e o desvío provisional habilitado no límite da provincia é “ineficiente” e xera ademais “problemas de seguridade viaria”, como o demostran os accidentes rexistrados nese punto.
A esta situación, sumábase nas últimas horas o “noiro” que se veu abaixo en Becerreá.
“Urximos o Goberno”, engadiu, á implantación dese plan extraordinario de conservación para mellorar a situación da autovía.
O Goberno di que "estamos a traballar para o restablecemento do tráfico canto antes"
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, asegurou este venres que “desde o primeiro momento, estamos a traballar para o restablecemento do tráfico canto antes nesa vía, que é fundamental para Galicia”, referíndose ao desprendemento que bloquea a A-6 en Becerreá.
Rodríguez dixo que todo apunta a que as “fortes choivas” dos últimos días son a causa máis probable dese incidente que técnicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) están a investigar.
A subdelegada tamén avanzou que o Mitma xa está a traballar para habilitar “un novo desvío en dirección Madrid”.
Isabel Rodríguez tamén lle afeou á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia as súas críticas sobre o estado de conservación da A6. Ao seu xuízo, as súas declaracións foron “pouco responsables”.