Empresarios da Lavacolla quéixanse da pasividade das autoridades co aparcadoiro ilegal
Coa temporada alta os coches volven invadir as beiravías e as áreas de servizo doutras empresas
Unha clave para distinguir os aparcadoiros legais é que neles son os clientes os que deixan o coche a resgardo no seu recinto e as empresas encárganse dos traslados ao aeroporto
A chegada da temporada alta de vacacións nótase nos aparcadoiros de baixo custo que dan servizo nos arredores do aeroporto de Santiago. E, de paso, remonta tamén a actividade dos que promoven o estacionamento ilegal. Os empresarios da zona levan sete anos denunciando os que se aproveitan deste negocio a través de Internet sen ningunha base legal e sen garantías para os usuarios.
"Fixéronse con números de teléfono de empresas que pecharon, e a xente pensa que contacta con eses aparcadoiros. Cometen fraude fiscal, competencia desleal, pero nada, aí seguen".
As denuncias rexistradas implican sempre unha parella como responsable desta actividade ilegal. Veciños e empresarios da zona denuncian como unha e outra vez invaden as beiravías ou áreas de servizo doutros establecementos con total impunidade malia os antecedentes probados a estas alturas.
"Eles cóllenche o coche no aeroporto, por iso en ningún momento o cliente sabe onde llo van aparcar".
Ante iso, optan por seguir alertando os clientes para que non caian na trampa. A clave está, din, en non aceptar un servizo que non lles ofreza todas as garantías de onde vai estar custodiado o seu coche, como fan os aparcadoiros legais. Aquí é o propio cliente o que deixa estacionado o seu coche nun recinto pechado e vixiado e son os encargados do aparcadoiro os que se encargan dos traslados ao aeroporto.
