Estudan que tipo de peches son máis eficaces para evitar os ataques do lobo ao gando
O proxecto "medidas preventivas da depredación do gando para a convivencia co lobo en Galicia" avaliou a efectividade de tres tipos de peche para gando ovino
No estudo participaron 20 ganderías espalladas por todo o territorio galego que mantiveron os seus animais nos distintos tipos de peche durante un ano
A efectividade dos sistemas probados foi do 80 %
O lobo é o principal gran carnívoro que queda en estado salvaxe en Europa. Galicia é unha das poucas rexións europeas onde o lobo nunca desapareceu. Segundo o último censo do lobo ibérico en Galicia, de 2022, a súa distribución é xeneralizada en todo o territorio galego, agás nas grandes cidades e no Baixo Miño.
Este informe estima a presenza de 93 mandas reprodutoras de lobo en Galicia, 21 delas compartidas, 6 con Asturias, 8 con Castela-León e 7 con Portugal, o que daría un total de entre 744 e 837 exemplares espallados por case toda a nosa xeografía.
Como explica Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, “estes datos máis ou menos amosan unha estabilidade respecto dos datos anteriores do censo 2011-2015 e podemos asumir que nestes últimos 30 anos hai unha estabilidade poboacional que estes cambios que pode haber non son significativos, polo que podemos falar de estabilidade. E en canto á distribución podemos dicir que a distribución é moi ampla, chegando a máis do 80 por cento do territorio galego".

O doutor en Bioloxía Luis Llaneza é un dos maiores expertos que hai sobre o lobo ibérico. Leva décadas traballando na elaboración de censos e estudos para a Administración a través de ARENA, Asesores en Recursos Naturais, e pode constatar como foi a evolución da presenza do lobo na nosa terra: "En Galicia a presencia do lobo é histórica. É un dos poucos sitios da Península Ibérica onde os rexistros históricos confirman a presenza do lobo nos anos 70, que foi o gran momento no que o lobo estivo a piques de extinguirse na Península Ibérica, quedaban aínda lobos en Galicia".
"O que ocorreu é que a partir dos anos 70 os lobos foron ocupando territorios, zonas onde no pasado non había. E na actualidade observamos tamén ese aspecto. Un exemplo moi claro é a serra da Capelada, ao norte da Coruña. Nos últimos censos que fixemos non confirmamos a presenza dunha manda reprodutora, había si algún lobo por alí. Pero neste último censo confirmamos a presenza dunha manda reprodutora".
"Na zona norte de Lugo, vese que hai zonas onde non se confirmara nos últimos 10 anos a presenza de mandas reprodutoras e agora na actualidade o temos. O lobo en Galicia practicamente ocupa o 95 % do territorio. Outra cuestión é cando estamos falando de mandas reprodutoras. Pero individuos que non están vencellados a unha manda ou individuos das propias mandas están ocupando como digo máis do 90 % do territorio galego. E despois a creación e desaparición de mandas de lobo é dinámica".

A presenza dun gran carnívoro coma o lobo en ambientes tan humanizados coma o galego sempre levou implícito a existencia de problemas de coexistencia co home e especialmente coa actividade gandeira. Para reducir o risco de depredación do lobo, gandeiros, investigadores, biólogos e conservacionistas xuntáronse nun proxecto coordinado polo AGACAL a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo que avaliou durante tres anos a efectividade de tres tipos de peches para gando ovino en 20 localizacións de Galicia.
Joan Alibés, gandeiro e xerente de Beealia, unha das empresas que participaron neste proxecto, destaca que "hai pouca investigación seria feita sobre o tema e o que quixemos achegar un gran de area potente, cunha significación en canto aos seus resultados e cuns resultados que se podan demostrar e que se podan mostrar a nivel xeral".
"Son concretamente tres sistemas de peche e cada un está repetido en 10 veces, o que nos deu un total de 30 peches espallados por todo o territorio galego durante un ano. Durante un ano as ovellas estiveron dentro deses peches, día e noite, durante 365 días. Iso fai que a exposición ao lobo foi completa. Se funciona, funciona e se non funciona, non funciona".
Os sistemas probados foron os seguintes:
- Un peche fixo de malla ovelleira de 1 metro 45 de altura, con dous fíos electrificados exteriores, un na parte superior da malla a 10 centímetros e outro a uns 35 centímetros do chan.

- Un peche fixo de arames electrificados, con 8 arames, 4 eléctricos e 4 de terra alternados, estando o arame electrificado inferior a 20 centímetros do chan e o superior a metro cincuenta.

- E un peche móbil de malla electrificada con mastín, consistente nunha malla portable electrificada dun metro cinco de altura e con presenza sempre dun mastín de traballo coas ovellas.

Cada un destes peches foi probado mantendo 3 ovellas no seu interior as 24 horas do día durante un ano. O resultado foi que o peche fixo de malla ovelleira tivo unha efectividade do 90 por cento, mentres que o sistema de arames electrificados e o peche móbil de malla electrificada con mastín tiveron unha efectividade do 80 por cento:
"É dicir, sabemos que eses peches funcionan pero non son 100 % eficientes, que é o que queriamos. O resultado era esperable? Persoalmente penso que si, porque non existe o peche perfecto. Pero o importante é que estes métodos o que nos axudan é a minimizar o impacto do lobo".
"Tivemos esas 20 explotacións cun total de 30 tipos de peches diferentes e o que vimos foi efectivamente que en torno a un 20 por cento de ocasións entrou o lobo. Que ocorrería se non tiveramos eses peches desas características? Que probablemente a esas ovellas que estaban nesas zonas as tería matado o lobo. Entón polo menos verificamos que teñen unha certa eficacia. Do 100 por cen? Non. Chegamos ao 80 por cento, no está mal, é un ensaio, hai problemas".
"Se continuaramos con este tipo de traballos en diferentes contextos, en diferentes situacións, poderiamos afinar un pouquiño máis, pero efectivamente os peches contribúen a aminorar o impacto”, sinala o biólogo Luis Llaneza.
Este traballo foi posible grazas á colaboración de vinte ganderías espalladas por todo o territorio galego. Gandeiros coma Xabier Fernández, de Cospeito, na Terra Chá que tivo a amarga experiencia de rexistrar ataques nos tres sistemas que se probaron co seu gando: "as experiencias aquí teñen partes doces e partes amargas. Era preciso probar as medidas preventivas das que xa levamos tempo a falar pero a verdade é que a experiencia aquí non foi de todo positiva, posto que tivemos ataques en todos os peches".
"Eu creo que somos moitos os gandeiros que levamos tempo a traballar en medidas preventivas, mastíns, peches, electrificacións... e este proxecto é un claro exemplo de que non podemos dar nada por establecido. Hai peches que funcionan, peches que non funcionan, cousas que aquí funcionan e noutra parte do país non funcionan".
"Eu creo que todos levamos tempo a traballar niso, para min un dos elementos clave son os cans, pero aquí tamén tivemos un ataque nun peche móbil con can, entón ao final a verdade é que nos queda moitísimo por facer, moito descoñecemento, e as medidas preventivas seguir a traballar nelas, pero agora mesmo cre que non hai nada, polo menos aquí demostrouse que non hai nada cen por cento efectivo".
Proxectos coma este buscan botar luz e datos científicos, que axuden en primeiro lugar aos gandeiros a adoptar métodos de prevención máis eficaces e adaptados a cada contexto, que axuden á coexistencia entre o lobo e a actividade gandeira.
Como resalta Joan Alibés, gandeiro e xerente de Beealia, "para min a reflexión máis importante que podemos sacar hoxe a nivel global, falando do conflito do lobo, é que se realmente nos adentramos no conflito, nas razóns que hai dentro, as dialogamos, empezamos a traballar seriamente, atopamos solucións, atopamos vías para progresar, atopamos vías para dirixir un cambio positivo cara a este conflito que vai ser permanente e vai ser eterno, pero estamos empezando a dar pasos".
"Pero iso si, hai que querer entrar. Non se pode entrar dunha maneira lixeira, facendo unha enquisa a un grupo de explotacións, facendo un estudo nun só sitio, temos que querer entrar ben, como a ciencia agraria sabe facer, porque o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a ciencia agraria que temos en Galicia ten moitos anos de experiencia e sábese ben que hai que facer estudos cun certo grao de intensidade para que os resultados sexan fiables. Unha vez o fas, o que vemos hoxe é que da resultados e cos resultados podemos contar cousas. Positivas ou negativas, pero temos cousas que contar e son cousas con seguridade", conclúe.