Un mozo gandeiro de Foz pon en marcha unha orixinal campaña na procura de terreos
Nos letreiros reza o lema "Gandería Os Carrís cóidache das terras"
"Gandería Os Carrís cóidache das terras". Esta é a mensaxe que figura nos carteis colocados por un mozo de Foz que busca parcelas para o seu gando.
A pesar de que só ten 23 anos, nos últimos cinco multiplicou por catro o número de reses que ten ao seu cargo, polo que precisa máis terreos.
Antonio Gómez Goás, gandeiro: "Saíu a idea de poñer uns carteis nas terras onde tiñamos animais e pareceunos simpático. Queriamos conseguir máis terreo para aumentar a gandería. E así saben tamén de quen son os animais, por se xorde un imprevisto".
O caso é que esta orixinal campaña funcionou, posto que o mozo xa conseguiu arrendar varias parcelas cuns 4.000 metros cadrados de superficie para as súas 80 cabezas de gando. Trátase de 60 vacas de raza rubia galega e mais unha vintena de bestas.
Antonio Gómez Goás, gandeiro: "Está funcionando moi ben. Recibín chamadas, fomos ver parcelas e houbo algunhas que nos interesaron e que collemos. En breve, estarán os nosos animais alí".
Con tan boa aceptación, mentres a súa gandería segue indo a máis, este mozo focego comprométese a manter en bo estado as terras arrendadas.