Liberada unha persoa en Ponteareas tras unha colisión entre dúas furgonetas
Esta persoa tivo que ser evacuada en helicóptero tras chocar frontalmente a súa furgoneta con outro vehículo de transporte
O accidente produciuse no quilómetro 3 da PO-254, na parroquia de Prado

Esta tarde produciuse un accidente entre dúas furgonetas en Ponteareas (Pontevedra), no que unha persoa tivo que ser liberada e evacuada en helicóptero. O sinistro produciuse no quilómetro 3 da PO-254, na parroquia de Prado, uns minutos antes das 13:00 horas, segundo informa o 112 Galicia.
Tras recibir aviso do choque e de que unha persoa necesitaba ser liberada do vehículo, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES-SPEIS de Ponteareas, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada.
Os profesionais sanitarios mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense, no que foi trasladada a vítima ao centro hospitalario de referencia unha vez que os efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas lograron liberala. Os servizos de emerxencias procederon á limpeza da vía para restablecer as condicións seguras de circulación.