Falece un veciño de Cee de 78 anos atropelado cando camiñaba pola vía rápida
O accidente produciuse no quilómetro aproximado 4 da VG-1.4
O persoal sanitario desprazado ata o lougar só puido confirmar o falecemento do home
Un home faleceu este xoves pola mañá ao ser atropelado na VG-1.4, ao seu paso pola parroquia de Toba, en Cee. O accidente produciuse no quilómetro aproximado 4 da vía.
Un particular contactou co 112 Galicia ás 07:45 horas para informar do atropelo. Segundo indicaba, a vítima atopábase tendida na estrada e precisaba asistencia sanitaria urxente.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informou de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil.
Ao chegar ao lugar, o persoal sanitario desprazado só puido confirmar o falecemento do home.
Unha mesta brétema cubría a primeira hora da mañá a vila de Cee. Esta circunstancia, sumada á falta de luz no momento do accidente, pouco antes das 8 da mañá, puideron influir no resultado fatal do sinistro.
A condutora, veciña de Cee, dirixíase a traballar e á altura do quilómetro 4 dirección Sardiñeiro non puido esquivar a un peón que camiñaba pola calzada nunha vía na que está prohibido o tránsito de péons e sen ningún elemento reflectante. O impacto foi mortal.
O accidente obrigou a cortar a circulación na via rápida ata o mediodía para facilitar o traballo do equipo de investigación de sinistros viais da Garda Civil de Trafico. Realizaron medicións e recolleron probas que permitan esclarecer as circunstancias do accidente e saber qué facía a vítima nunha estrada na que está prohibida a circulación de peóns, sen elementos reflectantes e con escasa visibilidade. Trascendeu que a condutora circulaba a unha velocidade adecuada para o tipo de via e non excedía o límite permitido.