Falece unha condutora que caeu co coche ao río en Ponteceso
A vítima quedou atrapada no vehículo e tivo que ser rescatada polos bombeiros de Carballo
Unha muller de 56 anos faleceu na tarde do mércores ao caer ao río Anllós co vehículo que estaba conducindo. A vítima quedou atrapada no vehículo e tivo que ser rescatada polos bombeiros de Carballo.
O suceso ocorreu pasadas as catro da tarde á altura da avenida Eduardo Pondal. Ademais dos bombeiros, ata o lugar achegáronse o GES de Ponteceso e efectivos do 061. Os equipos de emerxencias intentaron reanimala sen éxito.
🔴#AXEGAInforma: falece a condutora dun turismo
— 112 Galicia (@112Galicia) December 18, 2024
📍en #Ponteceso, Avd. Eduardo Pondal
▶️O seu vehículo caeu a un río
▶️A vítima quedou atrapada dentro do coche e foi rescatada por
🚨GES Ponteceso, Bombeiros Carballo, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, @guardiacivil Tráfico pic.twitter.com/tkSQnsvO0Y
A vítima deste tráxico accidente residía desde hai dous anos co seu marido en Cabana de Bergantiños. Conducía un todo terreo automático cando, por causas que investigan, atravesou un muro e envorcou no río Anllóns.
"Escoitamos un golpe moi grande e saímos á ventá e xa vimos o coche tirado no río e baixamos. Estabamos a miña muller, o neno e máis eu. Baixamos correron e xa estaba alí o veciño carpinteiro. O primeiro que fixemos foi chamar ao 112. Saltamos ao río pero aquelo foi imposible. Tentamos abrir as portas pero nada", relataba un veciño que vive moi preto do lugar.
Os profesionais do 061 acudiron ao lugar do accidente e tentaron reanimar a muller, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida. "Comprobouse que había unha persoa dentro. Intentouse por todos os medios sacala e non foi fácil. O coche estaba soterrado, hai moito lodo no río, e foi moi difícil", explicou Modesto Parga, do GES de Ponteceso.