Morre unha persoa nun choque múltiple en San Cibrao das Viñas
Outras dúas persoas están graves e unha terceira sufriu feridas leves
Un camión bateu contra un furgón e contra un coche da Garda Civil
O sinistro produciuse pasadas as doce do mediodía na N-525

Un grave accidente rexistrado na N-525, ao seu paso polo termo municipal de San Cibrao das Viñas, rematou cunha persoa falecida e tres feridas de diversa consideración.
Segundo o 112, o sinistro ocorreu pasadas as doce do mediodía no quilómetro 228, á altura de Ponte Noalla, ao bater de xeito frontolateral un tráiler, un furgón e un coche da Garda Civil.
As hipóteses iniciais apuntan a que o camión, tras rebentarlle un pneumático, invadiu o carril contrario e acabou batendo contra os outros dous vehículos.
Como consecuencia, o condutor da furgoneta faleceu e os que guiaban os outros vehículos implicados están graves. O pasaxeiros do turismo sufriu feridas leves.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de San Cibrao, do GES do Pereiro de Aguiar, persoal de urxencias sanitarias, axentes da Garda Civil, membros de Protección Civil e un helicóptero medicalizado.
