Familiares do Villa de Pitanxo van participar nunha homenaxe ás vítimas en Terra Nova
Colocarán unha placa en memoria dos 21 falecidos no naufraxio

Un grupo de familiares de vítimas do Villa de Pitanxo viaxarán o vindeiro 21 de xuño a Terra Nova para participar no acto de colocación dunha placa en memoria dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro, con base en Marín, en febreiro de 2022.
A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, e o director xeral do mesmo departamento, Antonio Basanta, van acompañar a comitiva que será recibida en San Xoán de Terra Nova polo embaixador español en Canadá, Alfredo Martínez.
No acto tamén van participar autoridades canadenses e efectivos dos corpos de emerxencia que participaron no operativo de rescate e procura do pesqueiro galego.
As familias agradecen a colaboración das administracións (Xunta, Goberno central, Xunta de Andalucía e Goberno canario) para facer posible a colocación desta placa, que se une ás que xa hai en Marín, Cangas, Pontevedra, Vigo, As Palmas ou Huelva.
Ademais, destacan o "gran significado emocional" que ten este acto, co que tamén queren render tributo á "familia do mar".