Galicia pechou 2022 con 39 mortes por afogamento, un terzo en decembro
No conxunto de España rexistráronse 134 falecementos máis por esta causa respecto ao ano anterior
A Federación Española de Salvamento e Socorrismo reclama unha estratexia estatal de seguridade acuática

Galicia pechou o 2022 con 39 mortes por afogamento non intencional en espazos acuáticos. Once delas, case una de cada tres (28 %), producíronse no mes de decembro.
Segundo os datos feitos públicos pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, Galicia foi a quinta comunidade en número de falecementos por esta causa.
No conxunto de España, o ano pasado pechou con 394 mortes deste tipo, o que supón un 51 % máis respecto a 2021, cando se rexistraron 134 vítimas menos.
O Informe Nacional de Afogamentos (INA) reflicte que o 2022 lanzou o quinto peor dato dos últimos oito anos, por detrás do máximo, que foi en 2017 con 481 defuncións; das 440 de 2019, as 437 de 2016 e as 415 de 2015.
"Isto pon de manifesto que lonxe de diluírense, os afogamentos non intencionais nos espazos acuáticos son un problema de primeira orde de saúde e seguridade pública en España", recalca nun comunicado o portavoz e director de Prevención e Seguridade da Federación, Francisco Cano, quen volveu esixir unha estratexia estatal de seguridade acuática.
Por comunidades autónomas, a que rexistrou máis falecementos foi a Valenciana (67), seguida das Canarias (63), Andalucía (56), Cataluña (40); e Baleares e Galicia (39).
A continuación, sitúase Murcia (15), Asturias e Castela e León (13), Cantabria (12), Castela-A Mancha e País Vasco (8), Estremadura (6), A Rioxa (5), Aragón (4), Comunidade de Madrid (3), Ceuta (2) e Navarra (1).
Decembro
Neste mes decembro rexistráronse 29 mortes por este motivo. Dezasete persoas perderon a vida en praias, 10 en ríos e 2 en piscinas. Once destes afogamentos tiveron lugar en Galicia (o 38 %).
No conxunto de 2022, a praia foi o escenario onde se rexistrou o maior número de falecementos (o 55 % do total), seguida do río (13,7 %) e da piscina (o 13,1 %). A maioría das vítimas eran homes (o 80 %).