Hamas libera outras catro reféns israelís nunha cerimonia multitudinaria
Son Liri Albag, Karina Ariev, Daniella Gilboa e Naama Levy, de entre 19 e 20 anos, capturadas o 7 de outubro de 2023
Israel entregou a cambio 200 presos palestinos, 50 por cada unha das mulleres soldado que regresaron ás súas casas
Milicianos das brigadas de Al Qassam, o brazo armado de Hamas, entregaron este sábado á Cruz Vermella as catro mulleres soldado israelís liberadas como parte do alto o fogo acordado con Israel.
Foi nunha cerimonia organizada na praza de Palestina da Cidade de Gaza ante centos de persoas e retransmitida en directo pola cadea qatarí Al Jazeera.
Son Liri Albag, Karina Ariev, Daniella Gilboa e Naama Levy, de entre 19 e 20 anos, capturadas o 7 de outubro de 2023 na base militar Nahal Oz, a un quilómetro de Gaza, onde cumprían co servizo militar obrigatorio.

Presos palestinos
A cambio destas catro militares liberadas, Israel entregou este sábado 200 presos, 50 por cada unha das mulleres. Do total, 120 cumprían cadea perpetua e 80 condenas elevadas.
Segundo fontes gazatís, dúas docenas chegaron á Franxa a través do paso de Kerem Shalom; un cento a Cisxordania; algúns a Xerusalén e outros 70 foron deportados a Exipto.
Entre as persoas entregadas figura o palestino máis lonxevo nun cárcere xudeu, Mohamed Ahmed Abdel Hamid Al Tus, de Belén, que leva en prisión desde 1985 e ten 69 anos.