Incáutanse de 3.250 quilos de xurelo en Camariñas por exceso de capturas
Atoparon abandonados no cantil 1.245 quilos doutra embarcación que non puido ser identificada
A Garda Civil incautouse este xoves de 3.250 quilos de xurelo. Cando se atopaba realizando un control, varios axentes observaron dous pesqueiros descargando capturas no porto sen realizar a notificación previa.
Os efectivos procederon á análise e comprobaron que unha das embarcacións presentaba un exceso de capturas de 497 quilos e a segunda de 1.508.
Ademais, atopáronse abandonadas no cantil as capturas doutra embarcación que non puido ser identificada: 1.245 quilos.
A Garda Civil procedeu ao comiso das capturas atopadas no cantil e do exceso de capturas descargadas de ambos os barcos e permitiu a comercialización da cota correspondente e elaborou as pertinentes denuncias por presuntas infraccións á Lei 11/ 2008 de Pesca de Galicia por non realizar a notificación previa á descarga, por exceso de capturas e por superar o 10 % máximo permitido.
As capturas de que se incautou foron entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.