Jessica Bouzas despídese do US Open despois de dar a sorpresa
A galega perdeu (dobre 6-3) contra a estadounidense Jessica Pegula, a número seis do mundo
Chegou a poñerse con empate a tres no segundo set, pero non puido coa súa rival

Non puido ser. Jessica Bouzas quedou eliminada na terceira rolda do US Open nun partido moi duro ante unha das tenistas máis destacadas da actualidade, a estadounidense Jessica Pegula. A número seis do mundo impúxose á galega en dous sets (dobre 6-3). Resultado moi meritorio da de Vilagarcía de Arousa.
Nun partido de Jessica contra Jessica, foi a estadounidense a que levou a voz cantante. A americana gañou por seis a tres o primeiro set, e tamén comezou mellor o segundo. Cando ía tres a cero, Bouzas reaccionou e empatou a contenda.
Pero Pegula subiu o ritmo e Jessica Bouzas claudicou. Dille así adeus ao US Open, outro torneo no que a galega demostrou que este está a ser o seu ano, e que ten calidade para subir na clasificación e loitar por ser unha das mellores no futuro.