Mobilización en 350 cidades do mundo para reclamar as actas electorais de Venezuela
Decenas de miles de persoas protestaron esta fin de semana contra o que consideran unha fraude electoral
En Galicia celebráronse manifestacións en Vigo, A Coruña e Santiago, con protagonismo para os venezolanos da diáspora
A protesta dos venezolanos que reclaman transparencia nos resultados electorais cobrou forma en 350 cidades, con especial incidencia nas áreas latinoamericana e europea. En Madrid foron 15.000 os participantes na manifestación deste sábado na Porta do Sol, segundo a Delegación do Goberno. O apoio do PP foi evidente neste acto, con Isabel Díaz Ayuso cargando contra Maduro:
"Esiximos a súa dimisión decontado. Nin un día máis pode seguir á fronte e que o Tribunal penal Internacional actúe".
A protesta madrileña prolongouse ata a noite e outro dos protagonistas foi o político exiliado Leopoldo López, que falou dunha fraude electoral que non se pode soster internacionalmente.
En Galicia, as manifestacións de Vigo, A Coruña e Santiago congregaron centos de venezolanos. Hai que ter conta que xa viven preto de 19.000 na nosa comunidade. Estas imaxes corresponden á cidade olívica, onde resoaron os pedimentos de liberdade.
"Quen somos? Venezuela. Que queremos? Liberdade", barraban ao unísono os congregados.
As bandeiras, gorras e outros distintivos de Venezuela tamén se puideron ver onte ao serán na praza Roxa de Compostela, onde se escoitaron berros a prol dun cambio político.
"Xa caeu. Este goberno xa caeu", coreaban os manifestantes.
E mentres continúan as protestas, segue o éxodo de venezolanos cara a Galicia: chegan 18 cada día de media.