Morre unha muller en Láncara nun accidente de tractor
Unha muller faleceu no concello de Láncara nun accidente co tractor que conducía. Ocorreu no lugar de Larín. Ao parecer, o vehículo foise da vía pola marxe esquerda e envorcou na pista pola que circulaba.
O sinistro sucedeu pouco despois das oito da tarde. A muller, duns 50 anos e veciña do lugar, era a única ocupante do vehículo agrícola.
Mobilizáronse os servizos sanitarios, que non puideron facer nada por salvarlle a vida á condutora, a Garda Civil de Tráfico e os Bombeiros de Sarria, que se desprazaron para realizar traballos de excarceración.
Ninguén se explica en Larín, no municipio de Láncara, que é o que lle puido pasar á súa veciña. O accidente ocorría nunha pista a tan só 50 metros da súa casa, cando a muller conducía un tractor sen cabina e cun remolque enganchado.
Por causas que se descoñecen, saíu da pista pola marxe esquerda subindo a roda por un valado o que provocou que se desequilibrara o vehículo, envorcando e quedando a muller atrapada debaixo.
Os propios veciños da muller coa axuda doutro tractor lograron liberar a vítima, pero faleceu.
Ata alí desprazáronse tamén efectivos do corpo de bombeiros de Sarria, servizos sanitarios e Garda Civil de Tráfico que tratan de determinar as causas do accidente. As primeiras hipóteses apuntan a que puido sufrir unha indisposición.
O suceso causou grande impacto entre a veciñanza, xa que a vítima, casada e sen fillos, era moi apreciada na parroquia e tamén no concello próximo a Sarria, ao que a familia estaba moi vinculada.