Unha muller de 45 anos morre ao bater co seu coche contra un camión en Frades
A Garda Civil investiga se ambos os dous vehículos invadiron o carril contrario
Unha muller de 45 anos faleceu este sábado nun accidente de tráfico ocorrido no concello de Frades. Segundo a Axencia Galega de Emerxencias, o condutor dun camión chamou ás 5:40 horas para informar de que acababa de bater contra un turismo no quilómetro 685 da N-634.
O home asegurou que había unha persoa no coche que non respondía aos seus intentos de contactar con ela. De inmediato, os servizos de urxencia solicitaron a intervención do 061, dos Bombeiros de Ordes, do GES de Curtis e da Garda Civil de Tráfico.
Cando chegaron ao lugar do sinistro, conseguiron abrir a porta do vehículo, pero o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento da vítima.

De acordo coa información facilitada pola Garda Civil de Tráfico, o turismo viña de Santiago e o camión dirixíase ao polígono do Tambre. O corpo da vítima foi trasladado ao hospital anatómico forense de Conxo para lle realizar a autopsia.
O condutor do camión, que saíu ileso, deu negativo nas probas de alcol e drogas. Agora, o equipo 6 de atestados do sector de Galicia investiga a posibilidade de que ambos os dous vehículos invadisen o carril contrario.
