Botín total duns 10.000 euros nunha nova vaga de roubos nas Nogais
Asaltan na mesma noite dous locais hostaleiros e forzan a nave dunha ferraxería
Dous negocios de hostalería das Nogais foron desvalixados na mesma noite, cun botín conxunto valorado nuns 10.000 euros. A maior contía levárona dun bar do centro da vila, onde se fixeron cuns 8.000 euros correspondentes á recadación, á comecartos, ás propinas e á mercadoría.
A isto hai que engadir os danos no local, igual que ocorreu no restaurante asaltado xusto despois, onde tamén roubaron os cartos da máquina e varias botellas de vermú e de coñac, algunha delas por valor duns 150 euros.
Richi García, hostaleiro: "Levaron algunhas botellas e desfixeron a comecartos. Tamén causaron estragos na porta".
Outros establecementos da vila tamén se viron afectados na mesma noite. Foi o caso da nave dunha ferraxería, onde se produciron danos materiais.
Conchi Vázquez, ferraxeira: "Vimos que estaba o cadeado forzado, pero non botamos nada en falta. Son cousas grandes, e non creo que lles interesara o que había".
Esta nova vaga de roubos nas Nogais rexistrouse un mes despois doutra en que tamén resultara asaltado o mesmo restaurante.
Richi García, hostaleiro: "O mesmo. Desfixeran a porta e a comecartos e abriran as neveiras todas".
Conchi Vázquez, ferraxeira: "Non estaría de máis aumentar algo o control, porque estas vilas pola noite son solitarias. Téñeno moi fácil, a esas horas. De todas formas, hai cámaras, así que tampouco se veñan arriba, porque os van pillar co tempo".
Dáse a circunstancia de que no negocio máis afectado desta volta selárase a comezos de mes un boleto da Bonoloto premiado con preto de 1.200.000 euros. A Garda Civil investiga agora a autoría destes feitos.