Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Breogán acada a 4ª vitoria da temporada contra un rival directo, o Xirona (77-74)

O Breogán acada a 4ª vitoria da temporada contra un rival directo, o Xirona (77-74)

Luis Casimiro estréase como local con triunfo diante do Xirona de Moncho Fernández

Foto: EFE
G24.gal 21/12/2024 20:06

O Breogán acadou o cuarto triunfo da temporada, no Pazo e contra un rival directo, o pechacancelas que adestra Moncho Fernández, e que agora queda a dúas vitorias.

Os de Luis Casimiro non entraron ben ao partido, e foron os de Moncho os que gozaron da vantaxe durante todo o primeiro cuarto. Unha vantaxe que superou os dez puntos logo de cinco minutos, e que quedou nos oito ao remate do período (16-24).

No segundo cuarto, os galegos déronlle a volta ao marcador cun espectacular parcial de 18-0. que lles permitía colocarse con vantaxe por primeira vez aos 15 minutos de encontro, para chegar ao descanso con vantaxe de 10 (42-32)

Á volta de pausa, o Breogán mantivo a renda, nun intercambio de anotación que non lles permitía aos cataláns recortar a diferenza ata que se situaron a cinco, forzando o tempo morto do técnico local. Freou Casimiro o ímpeto visitante, pero esa marxe de cinco puntos mantíñase no treito final do terceiro cuarto ata que, no último minuto Sibande e Durham colocaban o Xirona a so dous puntos. Fjejerup rematou o traballo sobre a bucina para mandar cunha tripla o partido empatado a 59 ao último acto.

E, nada máis iniciarse, outra tripla de Fjellerup colocaba con vantaxe aos de Moncho Fernández. Pero o Breogán non perdeu os nervios, e púxose mans a obra ata que Mavra volveu colocar os cinco puntos de renda no marcador. Podía parecer unha renda pequena pero, nos minutos decisivos, os lugueses xestionaron mellor a presión. Logo de varios erros froito dos nervios, foi o acabado de chegar, Dae Dae Grant, o que facía a canastra decisiva, que deixaba o marcador 76-72 a falta de 24 segundos. Non foi quen de atinar o Xirona no ataque seguinte, e a vitoria final, por 77-74, quedaba en Lugo. A cuarta da temporada para o Breogán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade