O Supremo confirma a primeira sentenza de España por abandonar o lugar dun accidente
Os Mossos d´Esquadra detiveran o acusado a poucos metros do lugar do sinistro

O Tribunal Supremo confirma a primeira sentenza de España en que se condena unha persoa polo delito de abandono do lugar dun accidente, resolvendo sobre o caso dun condutor que matou dous motoristas en 2020 en Badalona.
Os feitos sobre os que se pronuncia a sentenza do alto tribunal ocorreron na tarde do 6 de marzo de 2020, cando o condenado evitou un control dos Mossos d'Esquadra en Badalona, incrementou a súa velocidade para fuxir chegando a alcanzar o 133 km/h, saltou varios semáforos, invadiu o carril contrario e finalmente chocou contra unha motocicleta, provocando a morte dos dous ocupantes.
Segundo a Fiscalía, o acusado fuxiu do lugar "despreocupándose totalmente dos feridos", pero os axentes dos Mossos que o perseguían collérono cando estaba a só 90 metros do lugar.
Daquela fora condenado só por "tentativa" de abandono porque en realidade non conseguira o seu propósito.
Despois de varios recursos, o Supremo condénao agora por un delito consumado de abandono do lugar do accidente, aumentando os tres meses de condena inicial por este delito ata os seis meses.
O Supremo argumenta na súa resolución que a tentativa daríase se o acusado tentase afastarse e non o lograse, sendo detido xunto ao lugar dos feitos. Pero o acusado conseguiu afastarse uns 80 ou 90 metros, "coa clara intención de non permanecer nel (no lugar)" e, por iso, considera que o delito se consumou.