O TSX valenciano rexeita as querelas presentadas contra Mazón pola xestión da dina
O Alto Tribunal non aprecia indicios “sólidos e fundados" contra o presidente valenciano
Os querelantes poden impulsar a apertura dunha investigación nos xulgados de instrución

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza valenciano ditou un auto no que acorda inadmitir as tres querelas e as catro denuncias interpostas contra o president da Generalitat, Carlos Mazón, pola xestión da dina, tal e como solicitara o Ministerio Fiscal.
Segundo informa o TSXCV, a inadmisión destas denuncias e querelas non implica que os seus impulsores “queden privados do exercicio da acción penal”, pois poden instar a incoación deste procedemento preliminar no “hábitat natural dos Xulgados de Instrución”, que poderían elevar unha exposición razoada ao TSX se constan “indicios sólidos contra a persoa aforada fronte á que se dirixiu a querela”.
A Sala aplica na súa resolución a xurisprudencia do Tribunal Supremo segundo a cal se esixe a presenza de “indicios cualificados contra persoas aforadas para non subtraer as investigacións do seu ámbito primario natural”.
Os maxistrados non aprecian, nos relatos de feitos que realizan os denunciantes e querelantes, indicios “obxectivados que con consistencia ou solidez” poidan levar a declarar a competencia do Alto Tribunal valenciano para investigar o aforado nesta sede xurisdicional nestes momentos.
“A Sala non é insensible á traxedia ocorrida -aseguran no auto-. “Ningún dos actos iniciadores que se describiron nos antecedentes desta resolución ofrecen ese cadro indiciario de certo nivel que se precisa para asumir a nosa competencia”.