Os feridos polo accidente de bus nos lagos de Covadonga evolucionan favorablemente
Entre os 49 ocupantes do vehículo había dez menores de entre oito meses e 13 anos, aínda que ningún deles sufriu feridas de gravidade

Seis dos 49 feridos no accidente que sufriu este luns un autobús entre Covadonga e os Lagos, na vertente asturiana dos Picos de Europa, continúan hospitalizados e evolucionan favorablemente.
Dous dos feridos atópanse no Hospital Universitario Central de Asturias, en Uvieu, e outros catro continúan ingresados no Hospital de Arriondas, onde outro foi dado de alta este martes.
O accidente deixou seis persoas feridas graves "con prognóstico reservado", outros seis menos graves e 37 leves, moitos dos cales recibiron a alta ás poucas horas.
Entre os 49 pasaxeiros había dez menores de entre oito meses e 13 anos, aínda que ningún deles sufriu feridas de gravidade.
O accidente tivo lugar pouco antes das doce do mediodía á altura do quilómetro oito da estrada que une Covadonga e os Lagos.
Dada a elevada frecuencia de viaxeiros que hai no verán, o traxecto ten limitada a circulación de vehículos privados e cóbrese principalmente con autobuses.
O autobús accidentado saíuse da calzada pola marxe dereita tras superar o Miradoiro da Raíña e, segundo testemuñas presenciais, tras dar dúas voltas de campá, detívose sobre un dos seus costados nunha zona en pendente.
Aínda que as causas do accidente están a ser obxecto de investigación, algúns pasaxeiros comentaron que o autobús ía a pouca velocidade e que envorcou despois de frear ao cruzarse con outro vehículo que circulaba en dirección contraria.
O autobús, cunha antigüidade de nove anos e catro meses e equipado con cintos de seguridade, pasara a ITV e unha revisión interna recentemente e o condutor, un profesional con 21 anos de experiencia que habitualmente fai este traxecto, fixera o seu descanso regulamentario os días 25 e 26 de xullo, segundo Alsa.
Este roteiro na zona máis visitada dos Picos de Europa lévana a cabo "os condutores máis experimentados" e, segundo a compañía, contan ademais cunha "formación específica en condución en estradas de alta montaña".
Alsa é a encargada de xestionar o plan de acceso a Covadonga e os lagos desde que o Consorcio de Transportes de Asturias puxo en marcha hai 18 anos para evitar os grandes atascos e problemas que se xeraban nos meses estivais e algunhas festividades pola grande afluencia de turistas.
Durante o pasado ano, máis de 250.000 turistas utilizárono para ir a esta zona de Picos de Europa, a máis visitada do parque, e segundo Alsa, nos 18 anos que leva dando este servizo transportaron a máis de 2,5 millóns de persoas sen rexistrar ningún accidente similar ao deste luns.