Gandeiros dos Ancares denuncian un aumento dos ataques do lobo
Na última semana rexistráronse tres incidentes nos que morreron tres xatos
Un xato dunha explotación de Quindous, en Cervantes, foi a última res que matou o lobo nos Ancares. Nin os burros nin os mastíns puideron salvarlle a vida. Coma neste caso, en apenas unha semana morreron, na mesma zona, outros dous becerros en senllos ataques.
Hugo Trabado, gandeiro: "Estaba xa na cama e chamoume un veciño para dicirme que andaba o lobo coas vacas. Cando cheguei, xa me matara un. E así seguido, que en seis días van tres ataques a distintos gandeiros. E eu teño mastíns, e comeume un en marzo".
José Antonio Díaz, presidente da cooperativa A Carqueixa: "Está aumentando moito o censo do lobo nesta zona e houbo varios ataques estes días. Nunha semana houbo tres ataques a tres tenreiros, que son os que máis fácil lles resulta atacar".
Ante o incremento dos ataques, os gandeiros dos Ancares reclaman que se tomen medidas. Din que están a favor da convivencia co lobo, pero non a calquera custo. Demandan, por tanto, que se facilite o cobro das compensacións polas perdas.
Manuel Díaz, gandeiro: "Estamos conservando o medio, xerando un produto de calidade, e por todos os lados nos complican a vida. É inviable seguir así".
Hugo Trabado, gandeiro: "Eu entendo que ten que haber lobo, por ser necesario, pero ten que estar controlado. Pero poden pretender que os gandeiros teñamos que manter o lobo, que non se alimenta de aire".
Ademais, os gandeiros denuncian que non están a ser indemnizados de forma xusta, posto que non cobran nin a metade do valor das reses perdidas.