Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os incendios en California deixan dous mortos e 80.000 persoas evacuadas

Os incendios en California deixan dous mortos e 80.000 persoas evacuadas

O vento sopra con forza de ata 160 quilómetros por hora nalgunhas zonas

O gobernador de California ordenou a despregadura de 1.400 efectivos para combater as chamas e dos reservistas da Garda Nacional

Os Ánxeles declara o estado de emerxencia por incendios, con 30.000 evacuados

G24.gal 08/01/2025 20:26 Última actualización 08/01/2025 20:45

Polo menos dúas persoas morreron nun dos cinco incendios que arrasan Os Ánxeles, hai un "alto número" de feridos e 80.000 persoas tiveron que fuxir das súas casas, segundo informaron este mércores as autoridades locais.

"Lamentablemente, temos dúas mortes de civís reportadas por causas descoñecidas neste momento e temos unha cantidade significativa de feridos", declarou nunha conferencia de prensa o xefe de bombeiros do condado de Los Ángeles, Anthony Marrone.

Moitos dos incendios comezaron o martes e están alimentados polos chamados ventos de Santa Ana, que son especialmente secos e adoitan provocar incendios no sur de California. Estes ventos están a soprar agora mesmo con forza de ata 160 quilómetros por hora nalgunhas zonas.

O gobernador de California, Gavin Newsom, ordenou a despregadura de 1.400 efectivos para combater as lapas e dos reservistas da Garda Nacional. Ademais, ante a intensidade dos incendios, o Departamento de Bombeiros de Los Ángeles mobilizou a todos os seus efectivos.

Na conferencia de prensa, o propio xefe de bombeiros dos Ánxeles recoñeceu que as autoridades non estaban preparadas "para este tipo de desastre xeneralizado".

"Non hai suficientes bombeiros no condado dos Ánxeles para abordar incendios desta magnitude", admitiu Marrone. Os incendios provocaron a evacuación de máis de 80.000 persoas nas últimas 24 horas, segundo as autoridades locais.

O incendio máis devastador ata o de agora é o de Eaton, que está a afectar con especial virulencia á cidade de Pasadena e que, en cuestión de horas, pasou dunha extensión de 901 hectáreas a 4.290 hectáreas.

É o incendio que se cobrou dúas vidas e que ocasionou "un alto número" de feridos, así como a destrución de máis de 100 estruturas. Outro incendio devastador é o barrio de Palisades, que comezou ao redor das 10:30 da mañá do martes (18.30 GMT), queimou unhas 2.921 hectáreas e "está contido nun 0 %", explicou o shériff do condado dos Ánxeles, Robert Luna.

Ese incendio xa destruíu 1.000 estruturas e segue crecendo. As imaxes captadas polos medios de comunicación mostraron como as chamas devoraban o tellado das vivendas e como algúns residentes tiveron mesmo que abandonar os seus vehículos ante a proximidade do lume.

O incendio de Hurst, o terceiro, comezou sobre as 22.30 do martes (06:30 GMT do mércores) e provocou evacuacións en Sylmar, unha comunidade do Val de San Fernando. Este mércores creceu ata alcanzar unhas 202 hectáreas. 

O cuarto lume é o Woodley Fire, que comezou ás 06:15 do mércores (14:15 GMT) na conca de Sepulveda, ao oeste de Van Nuys, e devorou 12 hectáreas. O quinto, o Tyler Fire en Coachella, é o máis pequeno con 4,4 hectáreas e xa está contido nun 50 %.

Reaccións políticas

No plano político, o presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, aproveitou os incendios para arremeter na súa rede social contra Newsom, o gobernador de California, considerado unha icona demócrata que podería optar á Presidencia en 2028.

En concreto, Trump utilizou un alcume despectivo para referirse a Newsom e renovou vellas críticas contra o gobernador por opoñerse a un plan que enviaría máis auga ao Val Central, a rexión agrícola do estado, por temor a que puxese en perigo especies en perigo de extinción.

"Quixo protexer un peixe esencialmente sen valor chamado 'smelt', dándolle menos auga (non funcionou), pero non lle importaron as persoas de California. Agora están a pagar o prezo", afirmou Trump.

Pola súa banda, o presidente Joe Biden ten previsto desprazarse este mércores a unha estación de bombeiros en Santa Mónica para recibir un informe sobre o incendio de Palisades, o máis devastador. A Casa Branca ordenou a despregadura de medios terrestres e aéreos federais, incluídos catro avións cisterna e 10 helicópteros de extinción, para asistir ás autoridades locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade