Pechan unha estrada en Forcarei por risco de derrubamento
Os traballos de reparación vanse prolongar durante polo menos un par de meses
Está cortada ao tráfico a estrada PO-534 ao seu paso por Forcarei, nun tramo de 3,5 quilómetros. O motivo é o risco de afundimento da calzada no quilómetro 30,9 desa vía, ademais da aparición de fendas de considerables dimensións. O corte á circulación de vehículos prodúcese entre a N-541 en Folgoso e a rotonda de Cachafeiro. Ao parecer, vai para dous meses.
A zona conflitiva está nesta curva e por baixo discorre un río canalizado. Ao parecer, será necesario acometer a substitución da tubaxe metálica por onde discorren as augas ao estar a piques de colapsar.
Aluden ademais ao risco inminente de afundimento nese punto, onde se pode apreciar a simple vista que xa se está desnivelando o asfalto, na que ademais apareceron fendas de considerables dimensións.
"Fixeron a ponte de latón e non aguanta co peso porque por esta estrada pasan moitos coches, como vén de Lugo. Temos que dar un rodeo por Soutelo, que hai 5 quilómetros que xa estabamos en Folgoso, e desde Folgoso outros catro, así que para ir a Pontevedra temos que dar unha volta de nove quilómetros".
A alternativa para acceder a Forcarei é entrar desde o polígono industrial de Vilapouca. Todos os desvíos e cortes en vías afectadas están xa sinalizados e só se permíte acceder ás vivendas próximas á planta de formigón desde a estrada nacional.
Tamén se cortou un tramo para desviar o tráfico por Cachafeiro, aínda que se permite acceder ás vivendas da zona e ás aldeas de Cabanas e Gaxín.
"Hai moito tránsito, antes nunha mañá normal pasaban tres ou catro coches e agora pasan constantemente. Tamén houbo moito trafego de maquinaria e guindastres".
En principio estímase que durante dous meses estará pechada a estrada, á espera de acometer os traballos de consolidación da zona en risco de derruba.