Récord de viaxeiros no aeroporto de Santiago
O aeródromo compostelán pechou 2024 con 3,6 millóns de viaxeiros
Alvedro e Peinador rexistraron caídas e tiveron sobre un millón de pasaxeiros

O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro pechou 2024 con récord de pasaxeiros, ao rexistrar 3,6 millóns de viaxeiros, mentres que os da Coruña e Vigo rexistraron caídas e tiveron sobre un millón.
Aena publicou este luns as estatísticas do ano pasado dos tres aeroportos galegos. O aeródromo da capital galega alcanzou os 3.640.664 pasaxeiros, un 2,9 % máis que en 2023. Un total de 3,62 millóns usaron voos comerciais para realizar os seus desprazamentos, a maioría en destinos nacionais.
En canto ás operacións, en 2024 o aeroporto compostelán rexistrou 26.968 voos, un aumento do 4,1 % se se compara co ano anterior, récord na súa historia. Os 25.063 voos comerciais divídense en 19.626 nacionais e 5.437 internacionais. Ademais, nesta terminal rexistráronse 4.942 toneladas de carga.
Os aeroportos da Coruña e Vigo, con todo, non melloraron os seus datos de 2023
En Alvedro rexistráronse 1.237.569 pasaxeiros, un 1,2 % menos que o ano anterior, e realizáronse 14.490 operacións, unha caída do 5,9 %. Houbo 9.463 voos comerciais, dos cales 1.128 foron internacionais. A terminal coruñesa moveu máis de 54 toneladas de mercadoría.
A maior caída rexistrouna o aeroporto de Vigo, que tivo 1.058.529 pasaxeiros, un 6,8 % menos que en 2023, aínda que hai que ter en conta que o aeródromo permaneceu pechado por obras do 6 ao 31 de maio. A boa noticia foi o aumento de viaxeiros en voos internacionais, unha subida do 12,1 % ata alcanzar os 41.914 pasaxeiros. As operacións caeron un 22,5 % nun ano, con 11.515 movementos de chegada e saída. Houbo 8.787 voos comerciais, dos que 7.991 foron a destinos nacionais. O tráfico de mercadorías en Peinador chegou ás 315 toneladas, un 61 % menos que o ano anterior.