Detido tras roubar unha furgoneta en Tui cun neno de dous anos dentro, que se atopa en bo estado
O autor dos feitos é un coñecido delincuente da zona

A Policía Local de Tui localizou, en bo estado, un neno de 2 anos que se atopaba no interior dunha furgoneta roubada a primeira hora da tarde.
Os feitos ocorreron cando a nai do neno aparcou a furgoneta nas proximidades dun colexio para recoller un dos seus fillos.
A muller deixou o outro menor, de dous anos de idade, no interior do vehículo, coas chaves postas, mentres ía ao colexio e, ao regresar, atopouse con que non estaba nin a furgoneta nin o menor.
De inmediato despregouse un amplo dispositivo para dar co vehículo e co neno.
A furgoneta foi interceptada pola Policía Local na zona de Veiga do Louro, no propio municipio de Tui, e no interior, ademais do condutor, estaba o neno, que se atopaba en aparente bo estado, aínda que foi trasladado a un centro de saúde para ser avaliado.
O autor dos feitos é un coñecido delincuente da zona. Tivo que parar nunha praia á beira do Miño, en Guillarei, por mor dunha avaría no coche. Un inconveniente para el que permitiu a súa inmediata detención.