Só o Celta Zorka Recalvi foi quen de gañar na liga feminina
As viguesas levaron o derbi contra o Baxi Ferrol nun emocionante final
O Durán Maquinaria Ensino caeu na pista do Perfumes Avenida
No derbi entre o Celta Zorka e o Baxi Ferrol, máxima emoción ata o final con triunfo vigués. Ao descanso chegouse con vantaxe de oito puntos para o Celta. O acerto da francesa Clementine Samson, quen anotou oito puntos nos dous primeiros cuartos foi chave. Na reanudación, Ángela Mataix e Claire Melia mantiveron con posibilidades o conxunto ferrolán, que dispuxo dunha última posesión para empatar o encontro, pero Moira Joyner non atinou coa tripla. 72 a 69 final para o Celta, que logra o seu cuarto triunfo na liga.
Mentres, o Durán Maquinaria Ensino perdeu por once puntos na pista dun Perfumerías Avenida que logrou así a súa novena vitoria consecutiva. O Ensino mantívose no encontro nos dous primeiros cuartos. Só nos últimos segundos antes do lecer o Avenida logrou despegarse grazas ao acerto de Sika Koné. Así, chegouse ao descanso cun 36 a 31 que deixaba todo aberto para o recomezo. No terceiro cuarto as distancias no marcador non variaron demasiado. O Ensino aguantaba o tirón. Logo, na recta final, cunha gran Andrea Vilaró, o Avenida logrou chegar aos últimos intres sen que o seu triunfo perigara, malia as canastras de Claudia Soriano, máxima anotadora do conxunto galego, con 12 puntos. 67 a 56 final. O Ensino queda con catro vitorias en catorce partidos.