Aumenta a doce o número de vítimas mortais polas inundacións en Grecia
Outras seis persoas continúan desaparecidas, entre elas unha parella de turistas austríacos que estaba a celebrar a lúa de mel

O achado nas últimas horas de dous novos cadáveres eleva a doce o número de vítimas mortais polas inundacións que sufriu Grecia esta semana, logo dunhas choivas "inéditas", segundo as autoridades.
Son dous homes, un de 78 anos e outro de 58. Outras seis persoas continúan desaparecidas, entre elas unha parella de turistas austríacos que estaba a celebrar a súa lúa de mel no país mediterráneo.
Dende o martes pasado, un total de 4.250 persoas foron rescatadas, segundo datos do corpo de bombeiros. Agora, preocupa o elevado número de persoas migrantes, empregadas na agricultura, que se aloxan en chozas e vivendas improvisadas.
Calcúlase que os danos poderían superar os 1.000 millóns de euros. Ademais do estrago de infraestruturas, é un duro golpe para a agricultura helena, xa que nas zonas damnificadas se atopa a maior área de cultivos do país.