Taxistas de Bueu piden máis control da ocupación doutros vehículos nas súas paradas
Critican que as paradas non están ben sinalizadas e que iso é aproveitado por outros condutores para aparcar nelas
Os taxistas de Bueu quéixanse de que outros vehículos empregan as súas paradas para estacionar e demandan unha maior intervención do Concello para atallar esta práctica.
Que é difícil aparcar en Bueu, especialmente nestes días de verán, sábeo calquera usuario de automóbil. Os que o padecen especialmente son os taxistas desta vila pontevedresa. Coches e furgonetas de repartición na parada de taxis da rúa Pazos Fontela é unha estampa habitual do verán e de todo o ano, e os taxistas de Bueu están xa cansos da situación.
"O problema que temos é as paradas de taxi que a xente as utiliza como aparcadoiros particulares e privados, para facer as súas compras e recados e non respecta o noso posto de traballo, este é un posto de traballo e este taxi é unha empresa", di Martín Lorenzo, taxista.

Quéixanse tamén da escasa sinalización da parada, xa que segundo din, un sinal vertical que se ve hoxe levaba todo o verán tirado no chan.
"Hoxe si pero leva todo o verán sen sinal, porque a tiraron os vándalos unha fin de semana e puxérono ou hoxe pola mañá ou onte á tarde, porque ata o venres non había sinal", asegura Martín Lorenzo. "As paradas de taxi non están ben sinalizadas, tiñan que estar un pouquiño mellor sinalizadas e por parte das forzas públicas que controlaran un pouquiño máis o acceso que temos nós a elas".
É o que alegan algúns condutores. Dinlles que se confunden pola falta de sinais e que non entenden o que significan os "T" que están pintados no chan.