Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres mulleres feridas ao saír co coche en Vigo e bater contra unha marquesiña de bus

Tres mulleres feridas ao saír co coche en Vigo e bater contra unha marquesiña de bus

A Policía Local denunciou un home ouriñar na rúa e increpar os axentes chamándolles "voitres de merda" e "preeiros"

G24.gal 29/08/2023 11:59

Tres mulleres quedaron feridas leves tras saír da vía o coche en que circulaban por Vigo e chocar contra unha marquesiña dunha parada de autobús, segundo informou a Policía Local.

O accidente tivo lugar pasada a medianoite deste martes, cando o 092 recibiu unha chamada para acudir á avenida da Ponte debido a un sinistro de tráfico.

Á súa chegada, os axentes observaron que no interior do vehículo había tres mulleres que, aparentemente, sufrían feridas leves. Minutos antes, perderan o control do coche e impactaran contra unha marquesiña.

Como consecuencia do choque, ademais dos danos na estrutura da parada do bus, tamén se rexistraron danos nunha tubaxe, polo que se deu aviso aos técnicos da concesionaria Aqualia para reparar a avaría. Ata o lugar desprazouse, así mesmo, persoal do servizo de limpeza, e o guindastre para a retirada do vehículo.

Multa por mexar na rúa

Por outra banda, a Policía Local tamén informou da imposición dunha sanción a un cidadán que foi sorprendido ouriñando na rúa, detrás do museo Marco.

Unha patrulla chamoulle a atención e procedeu á súa identificación, resultando ser C. M. P., de 38 anos de idade.

Ao informalo de que sería denunciado, este home reaccionou increpando os axentes, a quen se dirixiu chamándolles "preeiros" e "voitres de merda".

Por estes feitos, foi denunciado por infrinxir a ordenanza municipal de limpeza e ornato, e tamén foi proposto para sanción pola falta de consideración cara aos funcionarios.

Finalmente, a policía tamén tramitou unha multa contra un mozo de 19 anos de idade que viu unha dotación do 092 cando paseaba co seu can pola rúa Coutadas de Teis. O animal fixo as súas necesidades na vía pública e o mozo, en lugar de recollelas, apartounas co pé e seguiu camiñando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade