Un carteiro rescata un home do incendio da súa vivenda en Marín
O carteiro arrastrou o afectado, con queimaduras no corpo, ao exterior da casa

Un veciño de Marín quedou ferido con queimaduras nun incendio rexistrado na súa vivenda, da que puido ser rescatado por un carteiro que pasaba pola zona.
Segundo a información facilitada polo 112-Galicia, foi este carteiro o primeiro que se decatou do que sucedía e arrastrou ao ferido ao exterior da vivenda.
O suceso tivo lugar sobre as 11:30 horas deste luns. A esa hora o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 recibiu a chamada dun particular alertando dunha casa que ardía no poboado Silvestre, pertencente á parroquia marinense de Santo Tomé de Piñeiro.
O alertante explicaba que o único ocupante da casa permanecía no seu interior e mantiña o contacto con el, aínda que era incapaz de saír.
Os Bombeiros do Morrazo confirmaron, cara ás 12:15 horas, que o incendio calcinara un cuarto con ferramentas de traballo e fora extinguido polos propios particulares. Unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou ao ferido ao hospital de referencia.
No operativo tamén participaron efectivos da Policía Nacional e Local de Marín. Ademais, chegaron a saír os Bombeiros de Pontevedra, pero finalmente non foi necesaria a súa intervención.